sábado, 30 de junio de 2018

ATRÉVETE 2017-2018: EMPRENDEMENTO E ALGO MÁIS (1º-2º ESO)

Mugardos, e en xeral o noso país, precisa de persoas emprendedoras. O Departamento de Orientación colabora con este obxectivo seguindo as directrices que nos marca a Consellería*, propondo actuacións desde 1º ESO a Bacharelato. Nesta ocasión toca facer "memoria" do traballado co alumnado de 1º e 2º ESO.

Este curso, igual que o curso pasado, participamos no programa "ATRÉVETE". Tivemos tres actividades clave:

-Coñecemento dos tipos de empresa. Achegámonos ao coñecemento dos modelos de empresa, en concreto das sociedades cooperativistas, visitando a cooperativa O Val de Narón. A súa xerente fíxonos un recibimento moi agradable e deunos unha pequeniña charla sobre este tipo de empresa, a súa historia, a súa formación, etc, e acompañounos na visita a algúns dos servizos que ofrece: perruquería, cafetaría, hipermercado, viveiro.

Ampliamos o coñecemento das empresas, engadindo esta cooperativa ao listado das visitadas o curso pasado: Pescanova e Aluman. Estas visitas seguro que serán de utilidade ás futuras e futuros emprendedoras/es  e ao alumnado que máis adiante participe noutros programas ou escolla materias relacionadas co emprendemento en 4º ESO e Bacharelato. 





-coñecemento do proceso de creación de dúas empresas, Roots e Central Park, da man dun emprendedor ao que lle temos unha especial admiración. Pablo, o noso emprendedor, fixo unha explicación ben clariña e moi accesible para o alumnado de 1º e 2º ESO na "II Semana das Profesións". Explicounos o plan de negocio e o plan económico financiero, fíxonos comprender o importante que é o estudo de: o mercado, a ubicación do negocio, a imaxe da empresa, o persoal e nos axudou a reflexionar sobre as dificultades para manterse e sobrevivir. Estou moi agradecida a Pablo por esta colaboración, de novo quero darche as grazas!.



-creación de varios produtos con materiais de refugallo (caixas de madeira, frascos e botes, elementos decorativos, chaveiros) e venda dos mesmos. Na creación dos produtos o alumnado tivo que tomar decisións sobre emprego de materiais, analizar custes de fabricación, decidir prezos de venta, dar un nome á súa empresa. 

Finalmente organizamos un mercado solidario para vender os produtos deseñados. O recaudado (en breve facemos reconto e ingreso e o comentamos no blog) irá para a ONG “Nico contra o cancro infantil” uníndonos así a proxecto de Solidariedade e Convivencia do centro deste curso escolar. 

Grazas ao labor dos titores e titoras: Adán, Paula, Esther e Paula e coma sempre a Rita que fai posible que todo marche.    





                                          





*Entre os obxectivos dos Departamentos de Orientación está tal e como indican as instrucións da Circular 10/10 da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa o de ”participar e colaborar na difusión e apoio do fomento da cultura emprendedora do alumnado no centro, así como favorecerlle o coñecemento e utilización das ferramentas dispoñibles en materia de emprendemento"

No hay comentarios:

Publicar un comentario